Proxectos

Nos momentos nos que perdo o equilibrio
cando os niños dos paxaros fican baleiros
e non hai xa nada que me sinale un sendeiro
busco na memoria aquel horizonte

Ese monte cinguido por unha fita de prata
que tantas noites me arrolou ata quedar durmida
coma se a súa rectitude tan limpa
puidese indicarme o camiño de regreso a casa

Pero hoxe xa non queda nada daquela paisaxe
as viraxes do tempo incendiaron as papoulas
fixeron das contornas esterco
sen terra nin ceo para guiar os meus pasos

E non hai faros que iluminen os cauces que morren antes de chegar ao mar―‍